18 de mayo de 2012

Teatro Jofre

A de Ferrol é unha localidade que históricamente ten  unha grande tradición teatral. Xa no século XVIII se caracterizaba polo gusto dos seus habitantes polas artes escénicas, así como polo uso que facían destas como mecanismo moralizador e de transmisor de novas ideas do pensamento ilustrado. O Settaro, o Romea, o Circo, o New England ou o Rena foron algúns dos seus teatros, que por diversas razóns, xa non se atopan operativos hoxe en día. Mais este non foi o destino que correu o teatro Jofre, que a día de hoxe álzase como un testigo desta época de esplendor.

O Jofre foi edificado nos terreos situados entre a igrexa e o cárcere. Este emprazamento, xa dende tempo atrás, víase relacionado co mundo do ocio e da fantasía, pois alí era onde se establecían as barracas e casetas de feira, coas súas diversións e espectáculos da fenomenoloxía. Naceu coa pretensión de ser non un simple edificio, senón o corazón daquela cidade, moderna e obsesionada co arte.

Mais o proxecto atopouse con múltiples dificultades para saír adiante. Continuamente, as trabas económicas paralizaban a súa evolución: pasan dez anos dende a súa constitución da "Empresa constructora dun teatro en Ferrol", sociedade na que se xestan as primeiras ideas, ata que se coloca a primeira pedra de obra, en 1872. Unha vez posto en funcionamento, cambia de mans en diversas ocasións, entre as que destaca o seu período de pertenza á empresa Fraga a partir do ano 1994, durante o cal se constrúe a fachada e pórtico, de caracter modernista, obra de Rodolfo Ucha Piñeiro.
 

Na actualidade, e tralas obras de rehabilitación levadas a cabo entre 2001 e 2005, o recinto volve a estar activo para o uso e disfrute dos veciños. Hoxe en día, este teatro segue sendo percibido coma un símbolo de elegancia e categoría. A maioría das representacións que acolle son teatrais, aínda que tamén é utilizado para alguna proxección de cine.

Aqueles que viviron a súa evolución, recordan como noutros tempos era o mellor no seu ámbito, e lamentan que a día de hoxe non teña a mesma explotación que daquela, nin que se lle saque todo o xugo que se lle podería sacar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario