23 de abril de 2012

A revolución fallida que mudou Galicia.

En 1864 Galicia foi escenario dunha revolución que deixaría unha fonda marca na historia e na cultura do territorio. Malia o seu fracaso, o alzamento liberal de 1846 marcou a política e o pensamento da época,  e ten unha importancia fundamental en como se desenvolveu despois o Rexurdimento eo Rexionalismo galego. Aínda hoxe, as lembranzas daqueles feitos continúan con vida.

Unha revolución non ten sempre que vencer para mudar a realidade. Pódese pensar que este foi o caso do pronunciamento que protagonizou o exército en 1846. O que comezara coma un alzamento liberal deu paso ó provincialismo en Galicia, denunciando de xeito explícito a situación de abandono no que se atopaba Galicia respecto ó goberno central. "Que foi o que pasou? Este movemento militar coincidiu no tempo cunha xeración de mozos universitarios que teimaban en reivindicar a idea de Galiza" Explica o historiador Prudencio Viveiro. "É a xeración provincialista, eran os fundadores do galeguismo. Dende polo menos 1840 estes mozos provincialistas denunciaban a situación de abandono á que estaba sometida Galicia, esquecida polo centralismo ignorante, que non dubidara en subdividir o antigo reino en catro provincias sen ningunha base histórica. Os provincialistas defendían que Galiza era unha unidade, unha soa provincia, de ahí o seu nome. Criticaban tamén a postración económica, as necesidades que pasaban os galegos, ofrecendo ideas para superar esta situación. Os provincialistas deixaron por escrito o seu programa en varios xornais de Santiago, cabeceiras como La Aurora de Galicia ou El Porvenir, fálannos ben as claras de cal era o cerne dos provincialistas: Galiza e os seus problemas. Ó chegar abril de 1864 estes militantes do provincialismo deciden pasar á acción. É entón cando se unen ó movemento insurrecional" 


As posibilidades reais de que o alzamento triunfase non eran moi elevadas, aínda que naquela época este tipo de rebelións eran habituais e en moitas ocasións conseguían os seus obxectivos. "O liberalismo español do século XIX non foi quen de deseñar mecanismos de alternancia política. Deste xeito, o bando político apartado do poder tiña que recorrer ó uso da violencia para tentar chegar ás institucións. É así como se explica que o oitocentos español estea cheo de pronunciamentos militares, case sempre procurando o acceso ó poder dos elementos máis progresistas do liberalismo" explica Viveiro.
No caso concreto de 1846, a localización exclusivamente galega da revolta dificultaba as súas posibilidades de mudar o goberno de Madrid. Para mais, as capacidades dos sublevados non eran comparables ás do experimentado De la Concha, enviado para liquidar, con éxito, o foco.

O fracaso do alzamento e fusilamento de Solís e de once dos seus oficiais, os chamados Mártires de Carral, foron unha semente que xermelou non moito tempo despois no Rexurdimento de finais do século XIX.




(Monumento ós mártires de Carral) 


(Placa onde se citan os fusilados)


Co Rexurdimento viría unha maior conciencia das peculiaridades culturais do país, incidindo en cuestións como a lingua, non contempladas polos provincialistas do 46.

No décimo aniversario destes acontecementos, en 1856, se celebra o coñecido Banquete de Conxo,
que reuniu obreiros e estudantes neste barrio compostelán, e que se considera un fito na recuperación das nosas letras, coa participación de persoas como Aguirre ou Pondal.


A pegada destes feitos deixouse sentir aínda tempo despois. A coincidir con outro aniversario, en 1904, erixíase en Carral o monumento que conmemora os falecidos naqueles acontecementos, cunha intervención na que Manuel Murguía louvaba o espírito daquela revolta.






El mesmo contemplara a fin dos combates cando era neno desde a súa fiestra en Compostela. O monumento foi desde aquela escenario de numerosos actos reivindicativos, coma o realizado o 26 de abril de 1931 e no que interviu Manuel Lugrís Freire, escritor e activista galego. Hoxe, 156 anos despois, podemos atopar pegadas daqueles feitos. O Concello de Teo ten dende 2008 unha ruta sinalizada que percorre os escenarios da decisiva Batalla de Cacheiras. Xosé Miranda recuperou esta época na súa novela histórica Morning Star (1998) seguindo a estela que xa iniciara o propio Otero Pedrayo en Os camiños da vida.






No hay comentarios:

Publicar un comentario